Talía Teatro estrena en A Coruña el montaje de Cándido Pazó: Foucellas

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A compañía galega Talía Teatro estrea o xoves 4 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña o seu novo espectáculo, ‘Foucellas’, escrito e dirixido por Cándido Pazó. A historia do mítico maquis galego poderá verse ata o sábado 5 neste escenario coruñés, con funcións ás 20.30 horas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiou a realización desta montaxe a través da convocatoria 2015 de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción escénica. Con tal motivo, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta estrea, na que tamén interviñeron José Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, e Cándido Pazó e Artur Trillo, en representación do equipo do espectáculo.

Na súa intervención, Sutil salientou a traxectoria de Talía como unha das formacións que “nos ten proporcionado algúns dos maiores éxitos do noso teatro, con títulos aínda tan presentes como ‘Bicos con lingua’ ou ‘Pelos na lingua”. Destacou igualmente o feito de que a súa nova proposta veña referendada por outro dos grandes nomes da escena galega, Cándido Pazó, quen dirixe e asina o texto orixinal escrito ex profeso para este espectáculo. “Trátase dunha peza dramática que, xa pola súa escrita, contribúe a engrandecer e a dinamizar a nosa cultura teatral e que afonda, ademais, no mítico personaxe galego de Foucellas desde un exercicio dramatúrxico contemporáneo”, asegurou.

Esperanza e derrota

Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo dan vida á historia do famoso maquis galego, na que ficción, mito e realidade se mesturan para nos propoñer unha reflexión sobre ese momento histórico. Tal e como explica a compañía, abórdase ademais “o pulso metafórico sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza e a administración da derrota”.

Dani Trillo asina tamén a escenografía e o deseño gráfico, mentres que Artur Trillo se encarga da distribución desta proposta, na que participan, así mesmo, Afonso Castro (iluminación), Martina Cambeiro (vestiario e maquillaxe), Manuel Riveiro (música), Auri Ferreiro (produción), Rubén Prieto (fotografía e vídeo) e Belén Pichel (axudante de dirección).

As entradas para asistir a estas tres primeiras funcións, tras as que ‘Foucellas’ iniciará unha xira por diferentes escenarios galegos, poden adquirirse polas canles de venda habituais do Teatro Rosalía: na web de Ticketea, no teléfono 902 044 226, na billeteira central da praza de Ourense (ata o venres, de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas) e no despacho de billetes do propio teatro (os días de función, de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas).

Autor: 
R.
Imagen de admin

Admin

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit. Ut at vulputate sem, at efficitur nibh. Aliquam sit amet nulla vel ipsum ornare commodo a a purus