Aquel verán en Lugo (7)

-O burro es ti e mailos teus, que desde Rómulo a Mussolini non houbo un romano con ideas propias que valesen un sestercio. (Moedas de bronce que valían dous ases e medio). Te-lo ben claro no caso dos Papas, que todos, ou case todos, son forasteiros. Ata presumides de que plantastes os castiñeiros e mailos loureiros, esquecendo que nós, os oestrimnios, xa vos recibimos con caxatas desas árbores! Aquí temos o caso das nosas termas, que cando destes chegado a Lugo, con tanta peripecia nese Río do Olvido, do Esquecemento, (O Letes, o Lima ou Limia), e despois diso, castro a castro, romaniza que te romanizarás nas nativas, ao ve-las nosas ovellas, coa la sedosa, nestes prados minienses, floridos..., daquela, e só daquela, veña envorcarvos nas fontes, coma carneiros, e ti dicíndome que foi por culpa daqueles auspicios, con aqueles augures córvidos...

-¡Oes, cacho Oestrimnio, un respecto para o noso Imperio! Burremia foi a vosa, que traïades para aquí as ovellas, cabe do Minio, para poñelas de bo pelo, mentres as vosas mulleres tiñan os corpos ásperos e rudos, coma xabarís, de tanto lavarse coa auga da chuvia, sen sales...; ¡e para iso, cando caía, que da outra fuxían!

A miña dialéctica, en comparanza, era curta, pero fixen por estirala:

-¡Iso estivo ben, que así conservaron o seu matriarcado! Suavidade por fóra, das peles das ovellas nas que se envolvían, e barbas de punta, canotos, por se te achegabas demasiado! Se houbeses estudado psicoloxía galaica, daquela entenderías estes matices ergonómicos...

¡Pero qué maldición, qué bourada, pois apenas durmira uns minutos e xa me vía envolto noutra diatriba con aquel pelmazo, con aquel..., discutidor nato! Con xente así tiña explicación aquilo de que Roma, para poñer algo de equilibrio, un pouco de orde xurídica, precisase de tantos consulados, preturas, cuesturas, edilatos, tribunado da plebe..., e por aí adiante!

-¡Bobadas, -rebateume-, que esa protección superficial, a delas, a das túas devanceiras, non impediu que as galeásemos, tal e como pasou con túa avoa, con aquela caranica...!

O Centurias riuse de min outra vez, canto quixo, coa peor das súas picardías. Tiña unha lóxica incisiva, un tanto irónica, pero bastante parecida á miña retranca, que niso concordamos. ¡Era evidente que o noso parentesco non andaba lonxe!

-Algo houbo, si, en efecto, -recoñecín, con media sinceridade-, pero tamén habería que falar dos zánganos, dos abázcaros, que morreron na vosa conquista, esgotados polas brincadeiras das nosas oestrimnias... E para iso ningunha quedou satisfeita, que as nosas mulleres non eran unhas pobres sabinas, daquelas que se deixaban raptar..., segundo mencionan certos historiadores! –Apostilei, finalicei, devolvéndolle as puntadas máis sobresaíntes, pero na súa resposta non lle doeron prendas:

-¡Algún caso coñecín...; iso é certo! Pero tamén ocorre que para contentar, séxase, para satisfacer, a unha galega, fai falta..., iso, un galego! Un galego dos de sete emanacións, seguidas; dos de sete estalos na mesma traca, consecutivos, que me dixeron que os hai, e por iso é tan famoso o nabo de Lugo! ¿Será certo, ou trátase dunha faroleada machista?

Retruqueille, farto del e da súa verba; e fíxeno sen misericordia, que non ma estaba merecendo:

-¿Algún caso, só algún? ¡Diso, todos, a eito! Pero as galegas tampouco eran galas, que aí fallouvos a experiencia lexionaria! Falando de mulleres, ¿sabes a onde foi a miña, que nin me espertou nin a oín levantarse? ¿Estará coa colega, con esa Lurdes...? Asómate ti, que como es unha fantasma, a ti non te verán, aínda que fisgues pola miña fiestra!

Obedeceume, si, pero de malas, insubmiso, cousa comprensible xa que un Centurión é un Centurión, e máxime en Lugo, neste país dos Mandamais!

-¡Vaia cos galaicoes, que incluso mandades nos vencedores! Si que está; aí, aí fóra, nese xardín, dándolle conversa a esa viúva tan desconsolada, tanto, que xa non é nin a sombra do que foi; pero a túa muller ten mellor corazón cá ti, e fai caridades mentres ti roncas!

-¡Eu son eu e mailas miñas circunstancias! Se estivese viúvo, daquela si que iría consolar nesa próxima, pero a título persoal!

-¡Machista; e despois dis dos romanos...!

-Primeiro atenderíalle á Lurdes, que esa, ¡pobriña!, necesítaos ao estilo deste país, dos de sete en sete.

-Necesitará, necesitará; pero non vexo que a socorran, ninguén, ¡nin dos de un en un!

-¡Xa lle chegará o día; e se aquí non, presentámola na Coruña, que é unha Cidade de Servizos, que así a proclamou o noso Alcalde!

Aquel Centurión, aquel..., aquel Aparecido, era tan soberbio, tan aguerrido, que mas devolvía todas, pero esta última foi de órdago:

-¡Vello verde! ¿Que tes que dicir de cómo eran os meus lexionarios cando ti es tan avarento, que aínda non enviuvaches e xa pensas no relevo? ¡Tes vinte séculos de civilización enriba, pero nótaseche pouco!

Tanta humillación requiría a mellor defensa posible:

-Eu non son avarento, en absoluto, que me frea a civilización, ¡iso é certo!, pero a cristiá, que se chego a ser pagán, daquela verías... De ser pagán, sería bígamo; dúas, a un tempo, morena e roiba, e eu no medio..., ¡para non caerme polas relleiras da cama!

Outra tirapuxa, a quen máis, de bing-bang:

-Non te equivoques, que os freos do teu carro sonche os nosos, os da civilización romana, que vos amolentou, así que, non fardes!

-En todo caso sería a civilización xudía, que o Beáti Iacóbi, séxase o noso señor Sanct Iago, era xudeu.

Riuse, a callón:

-¡Pobre Santiago, qué ía facer con vosoutros se para daquela, nós, os romanos, non lle houbésemos desbravado o terreo! Pero aínda así, tan desanimado, tan apurado se viu, que, cando xa ía de volta para Roma, no seu cabalo branco, tivo que saírlle ao camiño a propia Virxe María, concretamente nun dos nosos piares, na Caesare Augusta, na actual Zaragoza, prometéndolle aquieta-los teus, aqueles oestrimnios, que só así, con esa madriña, o cabaleiro fuxido atreveuse a volver sobre as propias pegadas para continua-las súas andainas, estas, as galaicas!

Despois de todo era un pracer, morboso si, pero pracer, pelexarme con aquel Centurias tan carraxento e tan matón, así que lle din outra finta:

-¿Como sabes todo iso; ou é que te converteu Santiago, precisamente daquela, cando regresou da Tarraconense?

O milite revirouse, todo marcial, pero cabreado; moitísimo, incluso con certa ironía:

-¡Mira que es parvo! Se me houbese convertido daquela, hoxe non estaría aquí, parolando contigo, que sería, arestora, Centurión dos Arcanxos, aló arriba, nos Exércitos Celestiais.

Ironicei:

-¡Ah, claro; logo é que estás no inferno, no teu Hades, e por iso levas esta capa de chispas vermellas!

O Centurión, de constrinxido, definiuse algo máis, pero sempre con dignidade ofendida, arrogante, altivo:

-¡Nin estou no inferno, nin esta capa é vermella, daltónico amigo, senón púrpura, da mellor púrpura que usaban aí arriba, en Lugo, nesa Tinería... ¡O meu Hades (Hades = Dono Zeus do poder universal, cedeulle ao seu irmán Hades o goberno do mundo inferior. Os latinos chamábanlle Plutón, deus lúgubre e sombrío, temible) é máis ben pagán!

¡Deus, en que leas me metía aquel fantoche levándome a unha conversa tan difícil, á discusión duns temas para os que eu non estaba preparado; inéditos para min, distantes, case que en sánscrito!

-¿Pagán? ¡Dirás cobrán, que de tanto ouro como por aquí tiñamos, non deixastes nin para encarrapuchar un dente! Empezastes en Ourense... ¡Claro, alí tamén tiñades termas, augas quentes, limpas, e non aqueles lodos do Tíber! E bordeando o Miño, sempre tras das aureanas, que fuxían de vosoutros, destes chegado á confluencia do noso Azúmara, ¡tan aurífero ou máis có Sil! Ben pensado, o voso rumbo era así de rumboso: Raspiñar o ouro, e de paso ir cerrando a chousa ibérica para non ter inimigos de costas, vella estratexia vosa, maiormente desde aquela experiencia que tivestes con Aníbal, que vos deu por detrás!

-¡Por detrás, non, que foi desde arriba, introducíndose na Itálica de arriba para abaixo, que se deixou caer desde os Perineos...

-¡Iso é segundo poñas o mapa! Polo Azúmara arriba, arriba da Viladonga, tivestes aquel topetazo do Mons Ciro, aquilo do Medullius...; pero como Roma era insaciable, non parou aí a cousa, senón que rubistes á montaña en busca doutras aureanas, pero estoutras, as de por aquí, eran de montaña, e fixéronvos suar!

Irritado, deuse un golpe de capa, arrebolándoa por sobre dos ombros, con tanto aire que case me tira as gafas con aquel meneo. Argüíu:

-¡Era demasiado ouro para vosoutros, para tan pouca xente..., ilustrada! E logo que a lexión, aquela tropa de elite, ¡había que pagala! Ademais diso, compensámolo co ensino, co dereito, co arado, coa mestizaxe...; ¡eses favores dos que temos falado! Pero aínda houbo outro: Date unha volta aí por Lugo, maiormente ás horas do paseo, e daquela verás qué femias: ¡dolicocéfalas! Espléndidas, barís, que ata parecen irmás da Gina Lollobrígida...! ¿Estás conforme niso, polo menos niso? ¡Outro favor que nos debedes! Xa sabes que, onde Roma locuta, causa finita! (Roma locuta, causa finita = Alude ás apellatios, ou apelacións, definitivas. Eran perigosas pois o apelante temerario arriscábase a soportar uns custes procesuais altos, e nalgún caso, incluso, podías ser condenado a traballos punitivos, con finalidade disuasoria, para descarga-la burocracia).

-¡Iso si, que de vosoutros tamén herdamos esta tendencia a durmi-la sesta, propia das razas meridionais, que os oestrimnios, os puros, era a mediodía, pola forza do sol, e coa herba por colchón, cando máis trebellaban, que así lles saían de feitucas, algo máis baixas cás vosas, pero roibas coma as febras do sol! Volvendo ao conto da túa eternidade, ¿como foi que a túa ánima se quedase aquí abaixo, digamos que, sen pena nin gloria?

O romano quedouse en silencio por un intre, como se meditase a resposta, acaso para mellor facerse entender; ou, se cadra, tratando de concentrarse para lograr unha síntese do caso:

-¡Animus meminisse hórret! (A miña alma horrorízase ao recordalo). Ademais, é largo de contar...! Dramático, longo e fondo, meu Inquisidor, pero, xa que me caes ben, xa que me aturas, direicho: Era polos idus de Xaneiro, (Sobre o 13 de Xaneiro), que nese tempo, aquí por Lugo, grelan os nabos, como ti sabes. Subía eu, de aquí mesmo, das termas, que tamén sabes o limpos que eramos nós, os romanos, ¡polo menos, na cortiza!, no meu cabalo branco, ¡enteiro e branco, igualiño có de Santiago!, aí arriba, pola calzada, pola vella, que era unha especie de corredoira... Tocábame dar lategazos á túa xente, aos oestrimnios, un fato de canteiros de por aló, desas terras de Pólux, que os tiñamos traballando, daquela, no arco da Porta Miñá... ¡Pero o home propón, Deus dispón, e a muller todo o descompón...! Foi o caso que, mesmo chegando ás costas do Parque, xa cerca de Recatelo, nunhas hortas de socalco que había daquela por esa parte onde seica fixeron un colexio...

-¿Será o antigo das Pepas...? –Quixen axudarlle para que entendese o meu entendemento.

-¡Será! O caso é que estaba alí, alí mesmo, da parte de arriba da corredoira, sachando nos seus repolos, e descalciña do pé e da perna; co seu sagum, que era unha especie de saia curta, que as bragas, por aquí descoñecidas, tamén foron un invento noso, que se lle subía indecorosamente ao escarranchar as pernas..., ¡de couceiro en couceiro! Unha rapariga anxelical, loura coma os chorros do ouro! Eu, daquela, tirei das bridas por sobre da dereita, e agacheime un tanto para verlle de cerca aquelas nádegas tan abondosas..., ¡antes de que se erguese ela e me toldase o espectáculo! ¡Macho, qué Venus, qué nádegas...! Pero fixen todo aquilo levado do meu instinto viril, sen reflexión, precipitadamente, e con mala sorte, ¡oh días nefastos!, así que recibín un lostregado daquelas silvas que bordeaban a congostra. Premín, tamén instintivamente, daquel bocado do meu nobre bruto, pero o animal, ¡que de nobre, nada!, sulfurouse, e coa mesma, encabuxouse, arrebolándome ao chan...

Nin que dicir ten que lle estiven máis atento que no cine; Servio, que era un bo narrador, non se fixo esperar; e antes do que eu quixese, levoume ao desenlace:

-¡Tiroume o cabalo nos propios lastros da propia calzada, da nosa, granito puro, e coa mesma, coquei a caluga! ¡Deus, qué dolores, que aínda non se me quitaron! Aquela fermosa, aquela oestrimnia, apoiándose no seu sacho baixou á calzada, para socorrerme, iso é certo, pero a moi..., ¡luguesa!, chiscándome un ollo, e co pretexto de que non podía comigo ao lombo, que o cabalo branco xa ía na Mosqueira, ou máis aló, arrastroume por aí abaixo, por eses lastros, torrolón-torrolón, collido dun brazo e coas miñas espolas saltaricando de pedra en pedra... A todo isto a moi..., ¡luguesa!, ía dicíndome que me traía para aquí, ás termas..., ¡para que me curasen as ninfas! Con aquelas manipulacións, entre caprinas e caritativas, aínda se me cocou máis o cranio; ¡máis do que xa o tiña por culpa daquel lanzamento do cabalo!

Eu, pola miña parte, a esta altura do seu relato, tan afectado me sentín, e tan contido tiña o alento, que a pouco as espicho. ¡Eu tamén! O Centurias notouno, e calou por un intre. Supoño que o fixo para darme tempo a reaccionar; aclimatación ao drama, que se di.

-¿Enténde-lo meu contratempo, dilecto amigo? ¡Xa vexo que si, que te quedaches sen respiración!

-Fíxenlle un aceno afirmativo, que as verbas tíñaas conxeladas, coma se tivese un nó na gorxa. Pero el, non, que as súas viñan da mesmísima ultratumba.

-Ben, sigamos, que vinte séculos, curtos ou longos, segundo se mire, non se relatan en vinte horas. Cando aquela tentadora, aquela oestrimnia da saia rabela, deu chegado ata aquí, ás termas, comigo ás rastras, eu xa estaba agónico... Lamentablemente expirei no intre en que ela me facía o sinal da cruz coa auga desa fonte... Refírome á doce, que a viches aí fóra; pero fíxoo con demora, con parsimonia galaica, así que só recibín, en vida, medio bautismo! ¡Medio bautismo, ¿entendes?, e para iso, in artículo mortis! (Precisamente na hora da morte).

Fíxenlle outro aceno aseverativo, máis ben coas présas, co desexo de que terminase pronto aquela narración tan dramática, que eu xa estaba abraiado, sorprendido e nervioso.

-Macho, daquela, se o entendes, é que de burro non tes un pelo, que outros, nin iso! Como comprenderás, nestas condicións, así, a medio bautizar, exactamente a medio bautizar, non me quixeron recibir no Alén. ¡Nin no Ceo nin no Inferno, para que o entendas! ¡Ese porteiro celestial, o tal Petrus, é máis estrito que un Fiscal do Supremo!

Mostreille certas dúbidas, pois aquilo, aquel caso, no que eu lembraba, non estaba previsto no Catecismo, nin no Ripalda nin no do Padre Astete:

-¿Oes, e nin sequera no Limbo dos Pagáns, no intermedio? ¿Nada, que non te aceptaron, en ningún...?

-¡Tampouco! No Xuízo Primario do meu pasamento non sei quen dixo, ou propuxo, que o mellor sería deixarme repousar, mesmo no xofre destas termas, que seica é bo para purifica-las almas, a ver se dese xeito, antes do Xuízo Final por suposto, aparecía por aquí unha virxe, unha bañista que fose descendente da horticultora, daquela real femia, aquela virxe da saia rabela... Refírome á miña baptizadora inicial, entendes? Nese suposto, se me dá auga de socorro outra virxe da mesma liñaxe, e por tanto herdeira e continuadora, daquela rematarase a miña conversión ao cristianismo..., ¡e subirei directamente ao Ceo, sen outra recomendación, e iso a pesares de vivir en Lugo!

Persigneime, que foi o único que se me ocorreu; e deixeino falar de novo, gozando da súa esperanza:

-Xa ves o que me pasou, que cho estou referindo tal cal, así que, ¡misterios da salvación!, que niso os cristiáns levádesnos moita avantaxe; ¡moita! ¿Enténdelo ben, ou repítocho, dilecto Oestrimnio?

-Daquela, ti, coma Virxilio: ¡Félix qui potuit rérum cognóscere causas! (Feliz o que pode coñecer as causas das cousas, pois ese está por encima do vulgo!).

De feliz, nadiña, que me quedei turulato coa sorpresa, co descubrimento do seu..., incidente/accidente? ¡Un accidente que o levou a un incidente anímico! Empatoume aquela desgraza.

-¿Pero, que dis? ¡Oh, que cousa tan complicada; nunca tal oíra! ¿Iso será certo, querido fantoche?

Retrucoume con seriedade, con severidade, que a cousa non era para menos:

-¡O que oes! E tamén foi mala pata que por aqueles días estaban no Ceo de malas cos romanos por culpa dun ecléctico, un tal Poncio Pilato, que de tanto lava-las mans agarrou unha bronquite, e púxose agónico. San Pedro e mailo seu Tribunal non saían dos arquivos sonoros, buscando probas colaterais, conxugais. O tal Poncio seica foi un indeciso, un ecléctico, así que, naquel ambiente de dúbidas, tamén me aplicaron a regra da indecisión, ao estilo xudeu! Con iso, purgueinas..., polos outros, unha especie de cabeza de turco! Consólame pensar que ao propio Cristo pasoulle algo parecido, que cargou coa cruz dos outros, coa cruz dos pecadentos!

Custar, custábame crerlle, que por iso insistín, outra vez, dubidoso:

-¡Estás de coña..., semellante historia! Nunca tal oín, e mira que veño por Lugo a miúdo! Á parte de que son amigo de moitos cregos; dos postconciliares, quero dicir, que os de Lefèvre, aqueles do chocolate, cáenme gordos! Eu tiña crido que a Redención abarcaba aos pagáns, pero, tal e como te expresas..., agora dubido!

-Éche así..., segundo cho conto! Con iso de que Deus ara dereito pero coas liñas torcidas, aló arriba pasan cousas incomprensibles para a mente humana, que é de curto alcance! Non a liches, nin oíches falar dela, da miña historia persoal, porque, ata que viñeches aos baños, aquí ninguén me atendeu; ¡nin sequera os bispos!

Como lugués que son, aínda que reciclado a miles de quilómetros, desgasificado que se di, e algo desconfiado tamén, dinlle outra volta á chave:

-¿Como así..., en vinte séculos?¿Non me ocultarás algo, algún pecado de reserva especial? Iso de deixarte, ad calendas graecas, (Os gregos non tiñan calendas), a medio xulgar, non me parece propio de San Pedro, que el tiña o costume de arrepentirse dos seus erros. Como dicimos por aquí, trasacordos..., desde que cantaba o galo! Mira que eu son galego, e por ende, receoso dos políticos e dos milites. Os centurións...; xa sabes, sodes medio militares e medio políticos, así que, neste mare magnum (abundancia desordenada)..., quenlla á vista!

Pero el, o Centurias, impertérrito, sereno, explicouse novamente; agora con máis precisión:

.../...

Imagen de Gómez Vilabella, Xosé M.

Gómez Vilabella, Xosé M.